Thursday 09 de May de 2024

Novo tractor, rozadoira de brazo e trituradora para o Concello de Ordes


O alcalde de Ordes e o delegado territorial da Xunta na Coruña asinaron esta tarde o acordo de cesión temporal da nova maquinaria que servirá para labores de desbroce, limpeza e mantemento de camiños e vías rurais prevención de incendios forestais etc

O alcalde de Ordes e o delegado territorial da Xunta na Coruña, José Luis Martínez Sanjurjo e Ovidio Rodeiro respectivamente, asinaron a cesión temporal dun tractor, dunha rozadoira de brazo e dunha trituradora suspendida traseira. A maquinaria servirá tanto para labores de desbroce, como para o mantemento de vías e camiños rurais, a prevención de incendios forestais, traballos de limpeza de matogueira e de cunetas etc.

No momento da rúbrica tamén estiveron presentes o concelleiro de Parques e xardíns, Xosé Manuel Rodríguez, máis a xefa territorial de Medio Rural, Mónica López. Aproveitando a ocasión Martínez Sanjurjo informou sobre o proceso de selección dun tractorista, o cal xa está iniciado por parte do Concello co fin de empezar a traballar o antes posible. Por outra banda Ovidio Rodeiro fixo alusión aos 19 convenios asinados recentemente pola Consellería de Medio Rural con outros tantos alcaldes de toda Galicia relacionados coa adquisición de tractores para a roza, sen esquecerse da posibilidade existente a día de hoxe para tramitar novos acordos de colaboración a través das xefaturas territoriais para o uso deste tipo de maquinaria.

A través destas colaboracións a Xunta facilita aínda máis aos concellos o cumprimento das súas obrigas en canto a execución das rozas e o mantemento das vías municipais. A esta medida hai que sumar os tradicionais convenios de colaboración para a prevención e defensa contra os incendios forestais polo que as entidades locais poden subvencionar as rozas, dispor de motobombas e brigadas municipais; e o novo acordo coa Fegamp no que Medio Rural investirá máis de 28 millóns de euros ata o 2021 para poñer en marcha un sistema público de xestión da biomasa nas proximidades dos núcleos de poboación.